Rúa Real, 10 36202 Vigo
Tlf: 986 22 40 03
E-mail: casa.cesteiro.vigo@telefonica.net
A casa do Cesteiro é unha iniciativa que coordina o Centro de Artesanía Tradicional, ambos os servizos están adscritos ao Servizo de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo. Comezou o seu traballo no ano 1999, no marco do programa europeo URBAN, co obxectivo de recuperar a diversidade destas pezas, as súas técnicas e formas, e regresalas a nosa vida cotiá. Da importancia que acadou a cestería na nosa cidade dá fe a rúa dos Cesteiros.
Trátase de potenciar o produto xunto co seu oficio e o seu contorno, debuxar un marco que enriquece as pezas converténdoas en únicas e evocando en nós emocións e lembranzas. Así os novos cesteiros teñen a posibilidade de se defenderen economicamente nun mercado aínda sen explotar que demanda pezas con sabor auténtico.
O labor realizado por este centro abarca todos aqueles aspectos necesarios para recompoñer o tecido comercial que sustentaba o oficio de cesteiro. Actuacións no ámbito da produción das materias primas, da recuperación de pezas e técnicas, da formación e da promoción do oficio conforman a súa programación.
Os traballos de campo e de investigación, que realiza o centro, converten a Casa do Cesteiro no eixo de transmisión do saber entre os últimos cesteiros e as novas xeracións. Formados nas principais técnicas tradicionais de nosa comunidade, os alumnos son os receptores de todos os segredos do oficio.