A comezos do século XX, a burguesía liberal aprópiase dos mecanismos do poder económico e político. O asentamento de empresarios cataláns no século XIX no barrio do Areal propiciou o desenvolvemento da industria da salazón de peixe e o rexurdimento dunha etapa de gran crecemento da industria pesqueira.
No primeiro terzo do século XX, o porto de Vigo asóciase á imaxe da emigración de miles de galegos que se embarcaron rumbo ao continente americano, pero tamén asóciase ao desenvolvemento económico. Comezan a crearse importanes empresas na cidade como os estaleiros de Barreras (a finais do século XIX) e Vulcano; así como Pescanova e unha multitude de empresas relacionadas co mar, sendo o sector industrial por antonomasia, ó cal hai que imputar a creación e expansión da maior parte das demais industrias.
Outro símbolo da cidade foi o tranvía que empezou a funcionar en 1914. A cidade neste tempo tiña unha enorme actividade social. Abundaban os periódicos e semanarios, as asociacións e as organizacións de carácter político ou sindical, mais todo este dinamismo quedou neutralizado co estalido da Guerra Civil. A medida que avanza o século, Vigo absorbe o municipio de Bouzas en 1904 e o de Lavadores en 1941, agrandando o seu termo administrativo e aumentando a súa poboación.
A mediados de século trázase a Gran Vía e a cidade experimenta un gran crecemento demográfico coa incipiente creación de barrios residenciais como o de Coia. Instálanse novas industrias, como Citroën Hispania, ao tempo que melloran as comunicacións e xorden novos planos de ensanche da cidade. Vigo sofre un elevado crecemento demográfico, pasando dos 30.000 habitantes que había en 1910 aos case 300.000 de hoxe en día.
A notábel expansión do Porto de Vigo até os nosos días convertérono no principal porto pesqueiro de España e nun dos máis importantes do mundo.
O seu recoñecemento a nivel internacional foi propiciado pola celebración anual de varias exposicións mundiais de pesca celebradas na nosa cidade. A futura construción do Auditorio-Pazo de Congresos na urbe fomentará notabelmente o turismo congresual e de negocios e contribuirá á potenciación do sector dos servizos e ao desenvolvemento de Vigo.
A industria automobilística, os estaleiros, as conserveiras, a construción, a moda, etc., son algunhas das principais actividades económicas que converten a Vigo no motor económico de Galicia.
A proximidade de Portugal favoreceu tamén o establecemento dunha estreita relación comercial, cultural e de comunicacións co norte portugués, que beneficiou enormemente o desenvolvemento económico e industrial da cidade, converténdose por excelencia na gran cidade comercial e de servizos do sur de Galicia e do Norte de Portugal.