Unha cidade todo un mundo
Arte

GASTRONOMÍA E CULTURA

NATUREZA E DEPORTES

PROFESIONAL

A Antigua Casa do Concello

  • Arquitecto: José María Ortiz y Sánchez
  • Data: 1859
  • Praza da Constitución s/n

Na actualidade este edificio é sede da Biblioteca Fundación Penzol.

En 1818 o edificio do Concello de Vigo presentaba xa síntomas de ruína. Tras o incendio de 1851 foi necesario trasladar a sede municipal a un inmoble de aluguer, polo que a corporación municipal decidiu construír un novo edificio no lugar que ocupaba o anterior, na Praza da Constitución.

En 1859 o arquitecto Xosé María Ortiz ten rematados os planos da nova construción e adxudícanse as obras ao construtor José Antonio González Bernárdez. José María Ortiz e Sánchez foi arquitecto da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Posuía, ademais, a titulación de director de Camiños Veciñais e era axudante do Corpo Auxiliar de Camiños, Canais e Portos.

Esta construción caracterízase por ser unha das poucas da cidade de estilo en tránsito cara ao eclecticismo, e nela combínanse elementos de estilo ecléctico con outros máis clasicistas.

A fachada da praza da Constitución, feita toda ela de cantería, é a que presenta unha maior profusión decorativa. Está dividida en tres tramos horizontais remarcados polas liñas de imposta. Cada un dos tramos ten o mesmo sistema compositivo: un zócolo, pilastras rematadas en capiteis corintios e entaboamento. O autor diferencia a función de cada andar acentuando a decoración de cada un deles.

A fachada posterior da praza da Princesa presenta o mesmo esquema compositivo, aínda que neste caso a ornamentación é máis restrinxida.

Turismo de Vigo - Plaza do Rei nº 1 - Vigo   - (+34)986810100 - Mapa web