Unha cidade todo un mundo
Arte

GASTRONOMÍA E CULTURA

NATUREZA E DEPORTES

PROFESIONAL

O edificio Banco de Vigo (Pastor)

  • Arquitecto: Manuel Gómez Román
  • Data: 1923
  • Esquina Colón con Policarpo Sanz

Este edificio foi sede do Banco de Vigo e acolleu máis tarde as oficinas da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e despois as do Banco Pastor.

É de estilo ecléctico aínda que perviven algúns elementos decorativos modernistas e unha clara monumentalización devido ao uso que se lle vai a dar ao edificio.

As fachadas son de cantería de granito. Un dos elementos máis destacados é o chafrán, coroado cunha cúpula no que se sitúa o acceso principal ao banco, así como un amplo van vertical que culmina cun arco de medio punto, aparecendo enriba da falsa clave a figura mitolóxica dun mozo.

As fachadas ordénanse verticalmente mediante un corpo base no andar baixo, pilastras no tramo superior e un último andar que actúa como entaboamento. Á súa vez, cada unha destas partes está enmarcada por unha moldura horizontal.

No andar baixo acentúase o clasicismo debido á súa función como sede de oficinas bancarias, con columnas clásicas pareadas.

En canto á decoración hai que destaca-los pináculos de remate do chafrán e da fachada principal de Policarpo Sánz, os recadros marcados na pedra con decoración vexetal, os discos planos con miúda decoración floral e a integración do ferro como elemento decorativo nos enreixados dos portais e fiestras do andar baixo e nos peitorís dos balcóns.

Destacan tamén as figuras escultóricas que representan figuras femininas de culturas dos diversos continentes na coroación do edificio, que reflicten que Vigo é unha cidade marítima aberta e en contacto cos distintos pobos e culturas do mundo a través do seu porto.

Turismo de Vigo - Plaza do Rei nº 1 - Vigo   - (+34)986810100 - Mapa web