Enderezo: Av. de Beiramar s/n
O conxunto do Pazo de Congresos e Auditorio de nova construción edificarase sobre un soar noutro momento ocupado por unha edificación industrial dedicada á salgadura do bacallau e a outros usos do sector pesqueiro.
O edificio que se derrubou pertencía ao Grupo de Empresas Mar, Casa Mar. A titularidade do edificio pertence actualmente ao Concello de Vigo por adquisición aos traballadores do grupo MAR.
O edificio, cunha superficie de 56.000m2, estará dispoñible en 2009. Actualmente está en fase de proxecto e a autoría é do arquitecto César Portela Fernández-Jardón.
O Auditorio disporá dun aforo principal con capacidade para case 1.600 butacas, paliando a gran necesidade de Vigo neste sector, a existencia dun centro que tivese capacidade para albergar a máis de 1.500 persoas sentadas.
O complexo distribuirá o seu espazo en usos de carácter público e outros de carácter privado.
O arquitecto, César Portela, deseñou un edificio implicado co seu pasado industrial e proxectado a un futuro de usos completamente diferentes. Recorreu a "unha arquitectura emblemática, monumental, fiel expresión dos seus contidos, capaz de enfatizar o bordo urbano e de gañar o bordo litoral, capaz de irmandar a cidade e a ría coa sua presenza, capaz de facer realidade o desexo popular de abrir Vigo ao mar".
A solución adoptada queda cualificada polo propio Portela como "unha arquitectura aberta, expresiva e íntima a un tempo. Unha arquitectura que garante a súa intimidade mediante unha dobre fachada: unha de vidro ao interior e outra de chapa metálica perforada, que envolve o edificio e mostra as múltiples actividades que tras ela se realizan. A segunda fachada desaparece de pronto, deixando só a de vidro e permitindo a aparición dun dobre óculo que mostra á cidade e á ría un grande espazo central".
O Auditorio Pazo de Congresos ten como obxectivo desenvolver no mesmo ámbito a actividade pública, especialmente de carácter cultural, arredor do auditorio e da sala de exposicións, e a actividade promovida pola iniciativa privada, tanto no campo cultural e social, como no comercial. En palabras de Portela: "Un edificio de carácter monumental que sexa un símbolo do Vigo Contemporáneo. Un edificio capaz, pola súa incidencia e exemplaridade de desencadear un proceso de rexeneración do tecido urbano de toda a zona, de revitalizar a súa estrutura social e a súa imaxe".